Esta empresa produciu e realizou varias curtametraxes e longametraxes documentais que participaron en festivais nacionais e internacionais de recoñecido prestixio, como ZINEBI, LONDON RAINDANCE FILM FESTIVAL, VILA DO CONDE, entre outros. Varios dos seus traballos, como “Cesteando” , “Fronteiras de Enerxía Animal”, “Sísifo Confuso. Traballos e días de Francisco Leiro” ou “O Purgatorio de Francisco Leiro” recibiron numerosos premios nacionais e internacionais e actualmente están en plataformas de cine independente como FILMIN.
Esta produtora tamén está involucrada en varias actividades didácticas dentro do eido audiovisual e multimedia, como a creación do proxecto documental e expositivo “Xosé Vizoso e Sargadelos”, que realizou en colaboración con alumnos de 1º de ESO do Instituto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela ou o proxecto “Looking for Bill Viola” realizada co IES de Celanova que logrou unha importante repercusión internacional, sendo estreada no Instituto Cervantes de Nova Iorque. Coordina os Premios Internacionais de Podcast Escolar Xosé Mosquera, “O vello dos contos”, que xa van pola quinta edición.
En palabras de Aser “moitos dos nosos proxectos están traballados e pensados desde a paixón e ilusión, máis que a rendibilidade económica”.
Arraianos Producións tamén crea e desenvolve para a CRTVG un novo formato audiovisual, “Anacos de Vida”, un programa de televisión para o público xeral, do que xa se emitiron 12 capítulos, fai curadoría e comisariado de proxectos expositivos, para Afundación e ABANCA, como “Traballos e días de Francisco Leiro”, “A Vida Lenta”, así como a dirección e coordinación de proxectos multimedia como “Galicia na Memoria”, con FILMOTECA, Ministerio de Cultura, Mediateca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, CRTVG e “Anacos do Rural”, con AGADER e ACUDE Rural.