Arraianos

Anacos do rural

Unha revisión documental do pasado recente da galicia rural

Neste proxecto de recuperación e divulgación documental sobre o rural galego conflúen os esforzos e as vontades de institucións, individuos e colectivos que acreditamos na necesidade de coñecer o noso pasado para poder analizar o presente e afrontar conxuntamente os importantes desafíos e retos do mundo rural de hoxe e de mañá.

Esta edición multimedia, impulsada polo colectivo ACUDE Rural co asesoramento técnico de Arraianos Producións, que conta do apoio de AGADER e da Xunta de Galicia e a colaboración da Mediateca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, así como dos enxeñeiros Jaume Lloveras e Juan Piñeiro entre outros colaboradores, é unha escolma única de textos, material fotográfico e cinematográfico sobre a Galicia rural, que se enmarca dentro dun ambicioso proxecto editorial e socializador, pioneiro en España, que quere contribuír á divulgación do patrimonio e, sobre todo, ao debate sobre o presente e futuro do mundo rural.

Anacos do rural

TEXTOS, material fotográfico e cinematográfico compoñen este proxecto que fala dun mundo que non volverá. Un ámbito rural que nos identifica como sociedade, case como tribo, pero co que os novos tempos non están sendo en absoluto xenerosos. Aínda que nos últimos anos se volva a mirada cara ese territorio dende diferentes eidos que procuran a súa recuperación, e tamén a súa valoración de cara a plantexar unha progresiva recuperación de poboación que alente novas posibilidades e, sobre todo un futuro, semella que estamos moi lonxe desa posta en valor de xeito efectivo.

O volumen Anacos do rural aporta toda unha serie de testemuños que consolidan ese tempo pasado e actúan como unha referencia de cara ao que se queira ou poida facer. O colectivo Acude co asesoramente de Arrianos Producións, xunto ao apoio de Agader e a Xunta de Galicia e a Mediateca do Ministerio de Agricultura, fai de todos estes materiais unha mirada cara nós mesmos, unha revisión do pasado, pero tamén unha lectura dende o noso presente, ese que está a mudar a súa mirada tras o longo esquecemento e, en moitos casos, tamén cun certo desprezo ao que se afastaba do ámbito máis urbano.

A colección de fotografías que percorre unha chea de recunchos de Galicia móvese entre a localización das paisaxes, dos territorios adicados a diferentes labores agrarias, e o deterse na actividade humana, xentes do campo adicados as súas tarefas, coa gandería ou na labranza. Tamén o mundo do mar ten cabida neste espazo, amosando esa dualidade da nosa terra de mar e montaña. Todas elas realizadas entre 1978 e 1986, un marco cronolóxico de cambio, no cal tiña lugar esa chegada de novas tecnoloxías a un mundo agrario que, ao tempo, comenzaba a perder boa parte da súa poboación, maioritariamente nova, e que vencellaba o seu futuro ás maiores oportunidades das grandes cidades, ben foran as galegas ou de lonxe da nosa comunidade.

Pola súa parte, os fondos da Mediateca do Ministerio de Agricultura, divídense no material fotográfico e no cinematográfico. No primeiro, as fotografías que se tomaron entre os anos 1948 e 1965 como parte dos Concursos de Fotografías Agrícolas, abrénnos as fiestras da memoria, a recuperación dunha xeografía xa descoñecida para nós, nun fermoso branco e negro que recupera moitos valores etnográficos da nosa terra e nas que atopamos unha nova dimensión do que significaba o traballo nos sectores primarios. Homes e mulleres que facían os seus duros, durísimos, labores cunha fonda dignidade que se transmite en cada unha destas imaxes con moito de heroico e ás que nunca se lle deu pola cidadanía o valor que tiñan, máis alá do feito documental, e si como xeito de trascender dunha época chea de esforzos e sacrificios e ben poucas compensacións.

Hai tamén imaxes procedentes do No-Do no que se amosaban os diferentes proxectos económicos no Estado español, analizando en Galicia tarefas como as repoboacións forestais que, no noso caso, levaron á muda dunha paisaxe que se decantou no seu pulo económico e forestal por especies como o eucalipto cun rápido crecemento e un maior rendemento económico, cando menos no curto prazo.

Dous DVD acompañan este manual no que as imaxes en movemento acrecentan ese sentido vital que se agocha en todos estes materiais. Tesouros como O home e o carro ou A cidade e o campo, baixo guións de Antonio Román e Carlos Velo, respectivamente, son unha viaxe ao mundo rural dos anos trinta e corenta como poucas veces se pode ver. Xoias que dende o cinematográfico amosan a visión que se tiña daquelas tarefas. As décadas seguintes tamén se reflicten en diferentes traballos visuais que incorporan novos ámbitos como os do mexillón ou o albariño ou a importancia das feiras agrícolas.

Estamos, polo tanto, ante unha necesaria revisión daquilo que debemos acoller co gozo que ten o abrazar a memoria dos que construiron este país, ao tempo que acollemos toda unha serie de materiais que nos obrigan a confiar nun futuro no que os seus pasos e o espazo no que traballaron son boa parte do que somos hoxe.

Compare Products
Action Add Product
Image
Title
Price
Stock Status
Quantity
Add To Cart
Review
Camiño de Ramón Chao. Tralas pegadas de Prisciliano
0 customer review
15,00 
Xosé Velo | Sen Fronteiras
0 customer review
15,00 
Sísifo Confuso
0 customer review
15,00 
Xosé Velo | Textos Escollidos
0 customer review
30,00