No seus retratos xa de ben novo podemos apreciar uns trazos seguros, limpos e rápidos. Aproveita a súa facilidade de análise do seu ámbito para debuxar eses rostros que lle chaman a atención e, como un hábito adquirido co tempo, el plásmao. Algunha xente toma notas, Vizoso debuxa. No retrato da súa nai no 1964 (con catorce anos) xa se ve esa procura de retratar con realismo e a función de cada trazo para darlle volume. O que se pode destacar dos seus retratos e que tamén esta en todo o que fai é a seguridade que ten no debuxo, froito da disciplina da práctica constante e da necesidade de debuxar. Nos seus retratos, igual que pasa coas caricaturas, os personaxes que retrata son variados: dende familiares, amigos, xente de bar, xente que pasa por Sargadelos… ou aquel que ten algo diferente que lle fai sacar o lapis do peto e debuxar.